Documentos Materias Lugares Persoas Outros
GMH/RESULTADOS DE BUSCA

GMH/Autores/

Faustino Martínez Martínez
Licenciado e doutor en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, onde acadou o Premio Extraordinario. Completou os seus estudos no Instituto de Investigaciones Jurídicas de la UNAM (México), no Centro per la Storia del Pensiero Giuridico Moderno (Università degli Studi di Firenze, Italia), no Dipartimento di Storia e Comparazione degli Ordinamenti Giuridici e Politici (Università degli Studi di Messina, Italia), no Max Planck Institut für europäische Rechtsgeschichte (Frankfurt am Main, Alemaña).

Igualmente realizou estudos no Institut für römisches Recht und vergleichende Rechstgeschichte (Rheinische Friedrich-Wilhelms-Universität Bonn, Alemaña) e no Centro Altiero Spinelli per l’Europa dei Popoli e la Pace nel Mondo (Universitá degli Studi Roma-Tre, Italia).

Profesor na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidad Complutense de Madrid, onde actualmente desempeña o seu labor docente e investigador. Foi tamén profesor invitado en varios centros de ensino superior en Europa e América.

A súa liña de investigación é a da Historia do Dereito Medieval, especialmente o galego, ao que dedicou a súa tese de doutoramento, versada sobre as cartas forais urbanas de Galicia (Aproximación histórica al foro gallego: los foros urbanos). O dereito da cidade de Lugo na Alta Idade Media, a penetración do Dereito Común en Galicia ou os textos forais do antigo reino de Galicia mereceron tamén a súa atención.

Así mesmo, aplicouse ao estudo da linguaxe bíblica no dereito medieval ou ao feudalismo en Galicia, ao tempo que abordou tamén a reflexión de cuestións máis xenéricas como o concepto e idea de Dereito na Idade Media, o Dereito Común ou o Dereito Canónico, a relación entre Dereito e Literatura ou, xa máis recentemente, a revisión da Constitución de Cádiz e o seu legado.

É membro de varios consellos de redacción de revistas científicas da súa especialidade e membro activo de distintas asociacións iushistóricas.