Documentos Materias Lugares Persoas Outros
GMH/RESULTADOS DE BUSCA

GMH/Autores/

Ángel Rodríguez González
Ángel Rodríguez González (Ceuta, 1920 - Compostela, 2005) foi un dos medievalistas máis relevantes da Galicia contemporánea. Doutorouse en 1956 na Universidade Central de Madrid cun traballo sobre a historia da colexiata de Santa María de Iria.

Profesor durante décadas na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, dedicou a súa vida profesional á historia medieval de Galicia tanto a través de publicacións académicas como na docencia, na divulgación ou na implicación activa en diversas iniciativas, como a recuperación das rutas de peregrinación xacobeas ou a presidencia da Sección de Historia do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Exerceu como arquiveiro municipal de Santiago, sendo o principal promotor dunha reforma desta entidade que mellorase as condicións de acceso e conservación da documentación. O labor desenvolvido a prol do mellor coñecemento da historia compostelá foi recoñecido co seu nomeamento como Cronista Oficial da Cidade e coa Medalla de Ouro ao Mérito Cultural de Santiago (1998).

O seu talante cordial fixo del un referente na formación de moitas promocións de historiadores actuais, mentres que a súa curiosidade innata o levou a mergullarse na transcrición de fontes documentais. Este era traballo tedioso e pouco recoñecido –segundo el mesmo dicía–, pero imprescindible para coñecer mellor a nosa historia.