Documentos Materias Lugares Persoas Outros
GMH/RESULTADOS DE BUSCA

GMH/Autores/

Alexandra Cabana Outeiro
(Cangas do Morrazo, 1975). Premio extraordinario de licenciatura no 2001, é doutora en historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese «Santiago de Compostela do século XIV ó XV: O Tombo H da Catedral de Santiago, edición e estudio histórico», especialista en paleografía e documentación medieval.

Autora, entre outras obras, do libro O Tombo H da Catedral de Santiago. Documentos anteriores a 1397 (VI Premio Ferro Couselo de Investigación no ano 2001), e os artigos “Sobre a invención de santa Froila”, “O tombo H da catedral de Santiago: noticia dun libro-rexistro medieval”, “Xoias e Cores: léxico galego baixo medieval no Tombo H da Catedral de Santiago” (con Maite Veiga Díaz) ou “A casa gótica de Ludeiro. Notas históricas, descrición e colección documental dun pequeno pazo do século XV non catalogado”.

Implicada activamente na divulgación da historia e do patrimonio cultural, foi vicepresidenta da Asociación Galega de Historiadores (AGH) e é fundadora e coordenadora de Murguía. Revista Galega de Historia, nacida en 2003. Ten colaborado con distintas empresas e organismos (DeHistoria, Caixavigo, Concellos de Santiago, de Monterroso e de Lugo) na creación de exposicións, elaboración de guías e roteiros.

Dentro dunha vontade integradora entre as disciplinas histórica e paleográfica e a filoloxía, desde o ano 2003 ó 2006 foi formante, como paleógrafa, do equipo de investigadores do proxecto Xelmírez (Corpus Romance da Galicia Medieval) (TMILG) do Instituto da Lingua Galega.