Documentos Materias Lugares Persoas Outros
GMH/RESULTADOS DE BUSCA

GMH/Autores/

Francisco Javier Pérez Rodríguez
Nado en Ourense en 1964, doutorouse na Universidade de Santiago de Compostela. Desde moi cedo –velaí a súa memoria de licenciatura sobre o mosteiro de Melón– este investigador amosou interese por explorar e achegarse á historia das institucións eclesiásticas da Idade Media galega.

A súa tese de doutoramento, sobre o cabido compostelán e a súa historia entre os séculos XII-XV, é un traballo brillante que veu a demostrar que no pasado das institucións eclesiásticas –mesmo dos cabidos catedralicios– hai moitos máis enfoques e perspectivas que as achegadas por López Ferreiro e outros estudosos pioneiros e que eses novos puntos de vista enriquecen non só os nosos coñecementos sobre estas entidades senón, e fundamentalmente, sobre a globalidade da Idade Media galega.

Desde 1995, é profesor na Universidade de Vigo, na Facultade de Humanidades, onde ensina Historia Medieval e desenvolve unha interesante e nutrida traxectoria investigadora. Seguindo a liña iniciada nos seus primeiros traballos, mantén unha dobre liña de exploración: os mosteiros e as entidades catedralicias, combinando a edición de fontes –o Tombo de Toxos Outos ou a documentación da catedral de Ourense son un exemplo– coa súa interpretación, como ben detalla a súa longa e interesante bibliografía.