Documentos Materias Lugares Persoas Outros
GMH/RESULTADOS DE BUSCA

GMH/Autores/

Anselmo López Carreira
Nado en Vigo en 1951, licenciouse en Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse alí tamén cun traballo sobre a cidade de Ourense no século XV. Na actualidade é Catedrático de Historia no IES María Soliño de Cangas, profesor titor da UNED no Centro Asociado de Ourense e doutor vinculado do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

É un investigador recoñecido da Galicia urbana medieval e das súas dinámicas sociais e políticas. Xunto cos ensaios históricos, na súa obra acada tamén certo protagonismo a edición de fontes documentais, en particular as relacionadas coa cidade de Ourense.

Nos últimos tempos os seus traballos entran, ademais, na historia política, na que aborda os vellos temas desde novas perspectivas. Moi relevante é, así mesmo, a súa vocación divulgadora, que se concreta non só na súa participación en charlas e coloquios organizados polas máis diversas entidades do país, senón tamén nun nutrido número de achegas que abren as portas da nosa historia ao público xeral.