Documentos Materias Lugares Persoas Outros
GMH/RESULTADOS DE BUSCA

GMH/Proxecto/

Gallaeciae Monumenta Historica (GMH) é un proxecto do Consello da Culura Galega que ten como principal obxectivo a edición en rede do rico corpus documental medieval  de Galicia e o corpus académico con elas relacionado. Tivo unha primeira fase, concretada  na colección Fontes documentais para a Historia de Galicia, editada en papel, que acadou os vinte volumes. Agora, en colaboración con outras institucións que traballan de forma directa na transcrición, estudo e edición desta documentación, adoptamos un nome clásico para encabezar este recurso en rede. O nome evoca a tradición positivista que foi moi común en moitos países europeos, coa denominación  de monumenta historica (Alemaña ou Portugal, por exemplo).

Con este proxecto, Galicia comeza a dispoñer do seu repertorio documental, pero directamente en formato electrónico, incorporando as posibilidades que ofrece a rede e aberto a múltiples colaboracións futuras.  Será un espazo aberto a novas achegas tanto as procedentes do ámbito da investigación -novos textos arquivísticos e ensaios académicos- como da experiencia e coñecementos dos usuarios – albergando no futuro unha comunidade 2.0.

O noso traballo de edición orixinal pasa pola transcrición e polo ambicioso metaetiquetado de cada documento, que contribúe a que sexa posible percorrer este catálogo de publicacións e documentos de maneira horizontal, explorando conceptos, persoeiros e lugares con independencia do volume no que foran publicados. Os usuarios dispoñen tamén dunha busca libre que rastrea as súas peticións ao longo de miles de documentos e as acouta aos anos que eles precisen.

Ademáis, os ensaios académicos, enlaces ou a recuperación en formato dixital de obras clásicas facilitarán o traballo dos investigadores (historiadores, filólogos, historiadores da arte...) e guiarán o camiño do público con curiosidade sobre esta época do noso pasado; as ferramentas das redes sociais permitirán a comunicación duns e doutros e o enriquecemento do proxecto coas achegas de todos e todas.

Esta nova plataforma non sería posible sen a necesaria colaboración institucional, que o Consello da Cultura Galega  defende como unha dinámica de traballo fecunda para o conxunto da cultura galega. Por esta razón, agradecemos a participación e colaboración que nos prestaron os responsables e tamén o persoal investigador de institución s como a Real Academia Galega, o Centro Ramon Piñeiro (Xunta de Galicia), o Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” do CSIC, e  o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.