Igualmente realizou estudos no Institut für römisches Recht und vergleichende Rechstgeschichte (Rheinische Friedrich-Wilhelms-Universität Bonn, Alemaña) e no Centro Altiero Spinelli per l’Europa dei Popoli e la Pace nel Mondo (Universitá degli Studi Roma-Tre, Italia).
Profesor na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidad Complutense de Madrid, onde actualmente desempeña o seu labor docente e investigador. Foi tamén profesor invitado en varios centros de ensino superior en Europa e América.
A súa liña de investigación é a da Historia do Dereito Medieval, especialmente o galego, ao que dedicou a súa tese de doutoramento, versada sobre as cartas forais urbanas de Galicia (Aproximación histórica al foro gallego: los foros urbanos). O dereito da cidade de Lugo na Alta Idade Media, a penetración do Dereito Común en Galicia ou os textos forais do antigo reino de Galicia mereceron tamén a súa atención.
Así mesmo, aplicouse ao estudo da linguaxe bíblica no dereito medieval ou ao feudalismo en Galicia, ao tempo que abordou tamén a reflexión de cuestións máis xenéricas como o concepto e idea de Dereito na Idade Media, o Dereito Común ou o Dereito Canónico, a relación entre Dereito e Literatura ou, xa máis recentemente, a revisión da Constitución de Cádiz e o seu legado.
É membro de varios consellos de redacción de revistas científicas da súa especialidade e membro activo de distintas asociacións iushistóricas.