Documentos Materias Lugares Persoas Outros
GMH/RESULTADOS DE BUSCA

GMH/Autores/

Xosé Armas Castro
Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1976 e doutorado na mesma institución en 1990, a carreira do profesor Armas Castro (Touro, 1954) caracterízase por un equilibrio entre a investigación histórica feita desde o rigor e a reflexión sobre o ensino e a divulgación do coñecemento do pasado.

A súa vocación principal, non en van é profesor titular de Didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Santiago, desenvólvese dun xeito intenso no campo da reflexión sobre a necesidade de mellorar o achegamento da historia ás xeracións futuras, o descubrimento doutros posibles enfoques no traballo didáctico ou na busca, como non podía ser doutro xeito, de propostas prácticas innovadoras (actividades, materiais, etc.) elaboradas a título individual ou ben en equipos multidisciplinares.

Non obstante, posúe tamén unha faceta como historiador igualmente sólida, caracterizada por presentar un marcado interese polo mundo urbano da nosa Baixa Idade Media que plasma non só nas súas obras iniciais sobre as cidades de Santiago de Compostela (memoria de licenciatura) e Pontevedra (de doutoramento), senón tamén en diversos traballos posteriores. Nestas obras, pouco a pouco, vai desvelando a complexa realidade das nosas vilas e cidades, no detalle, nos contextos e no panorama global.