Documentos Materias Lugares Persoas Outros
GMH/RESULTADOS DE BUSCA

GMH/Autores/

María José Portela Silva
Dinámica, tenaz e ilusionada polo seu traballo docente e investigador, Mª José Portela (A Guarda, 1954-Santiago, 2006) -posiblemente a paleógrafa galega con maior obra publicada- licenciouse en Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Acabou especializándose e doutorándose en Ciencias e Técnicas historiográficas, en concreto en Paleografía, coa monumental tese Colección diplomática de la Catedral de Lugo: siglos XIV y XV, lida en 1992.

Discípula de Manuel Lucas Álvarez e de José García Oro, na disciplina paleográfica emerxeu como unha investigadora solvente e de gran capacidade, cun instinto para a interpretación dos textos que só nace dun profundo coñecemento da materia.

Desenvolveu a súa carreira docente -paso a paso- e investigadora na universidade compostelá, onde exerceu como profesora de Biblioteconomía, Arquivística e Paleografía. En paralelo, aplicouse ao estudo da documentación galega custodiada en diversos arquivos, ben a título individual, en colaboración con outros autores ou dentro de diversos grupos de investigación.

A súa preferencia inicial foi polos testemuños escritos de procedencia eclesiástica e medieval, se ben pouco a pouco foi orientándose cara ás escrituras doutros ámbitos pero centradas, sobre todo, nos tempos da transición dos tempos medios á modernidade.

Especialmente frutífera resultou a súa colaboración co profesor García Oro na busca, transcrición e interpretación de abundantísima documentación galega e castelá. Ambos os dous interesáronse por un amplo abano de temas como as relacións da Coroa con Galicia, as casas nobiliarias, os concellos e a vida urbana, a reforma monástica, a universidade, etc., sempre nese complexo marco temporal que vai de 1480 a 1550. A súa obra conxunta é voluminosa, de grande interese e, sen dúbida, senlleira.

Faleceu prematuramente en 2006 e deixou tras ela un conxunto de obras inéditas que verían a luz nos anos posteriores e que nos serven para lembrala e dar maior realce ao seu legado investigador.